Rosalía de Castro

Conxo (Santiago de Compostela), 23 de febreiro de 1837 – Matanza (Padrón), 15 de xullo de 1885

Rosalía Castro de Murguía foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.

A familia en 1884, do estudio fotográfico de Manuel Palmeiro.

Nos seus primeiros anos Rosalía viviu unha infancia leda nas vilas rurais de Ortoño e Padrón. Nunha das pasaxes bibliográficas dun dos seus poemas de Cantares gallegos, Castro bota unha ollada nostálxica á casa de Arretén, casa de Iria Flavia onde viviu por tempadas canda a súa nai entre os nove e quince anos. Unha infancia lembrada por cancións, risas e as badaladas das campás.

En abril 1856 trasladouse a Madrid, onde viviu coa súa curmá María Josefa del Carmen García-Lugín y Castro. En 1857 publicou o seu primeiro libro, o poemario La Flor, do que o escritor Manuel Murguía fixo unha recensión no xornal La Iberia do 12 de maio dese mesmo ano. O 10 de outubro de 1858 casou con Murguía na igrexa de Santo Ildefonso. A vida do matrimonio fíxose itinerante debido aos cargos funcionariais de Murguía. En 1859 regresaron a Galiza, onde naceu Alejandra, a súa primeira filla; no mesmo ano volveron de novo a Madrid e publicou obras en galego e castelán. Logo duns anos en Madrid, trasladáronse a Lugo, e despois volveron a Madrid.

Rosalía botou os derradeiros anos da súa vida en Padrón, onde a familia alugara a casa da Matanza, que despois se convertería na súa casa-museo. A morte de Adriano, o seu fillo máis novo aos dous anos por mor dun accidente na súa casa de Santiago e a súa enfermidade amargáronlle os derradeiros anos. Morreu de cancro en 1885, aos corenta e oito anos na súa casa de Padrón.

Rosalía foi soterrada no camposanto da Adina. Anos máis tarde, en 1891, os seus restos foron trasladados ó actual Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Comparteix
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, da su consentimiento al uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.   
Privacidad